A Asociación Couto Mixto de Bruxelas nace en 2007 co fin de dar resposta ás inquedanzas dun colectivo plural de emigrados e emigradas galegos comprometidos coa lingua, cultura e identidade galegas.
Nesa altura, existía a necesidade de crear un asociacionismo galego en Bruxelas, dinámico e comprometido co presente e co futuro do país, que se sumase a ese enorme puzzle identitario existente na capital europea e que ademais dese visibilidade á identidade galega desde unha perspectiva actual, diversa e sen prexuízos.
Durante o primeiro lustro de vida, a asociación estivo ligada á libraria galego-portuguesa Orfeu, en pleno barrio europeo, e durante eses anos buscouse reforzar os vínculos coa numerosa comunidade portuguesa da cidade. En parte, de aí xurde o nome da asociación, ó ser o “Couto Mixto” un lugar de liberdade e autonomía entre dous estados, o español e o portugués, dende a Idade Media ata ben avanzado o século XIX. Daquela, a asociación tamén complementaba e colaboraba cunha entidade histórica, desaparecida en 2019, o Centro Galego de Bruxelas.
O perfil dos socios do Couto Mixto é tamén plural, desde profesionais mozos chegados a Bruxelas para traballar na burbulla europea até membros históricos da comunidade galega na capital belga e mesmo algúns escritores célebres como Xavier Alcalá ou Xavier Queipo. Xuntos, todos estes anos temos organizado un gran número de actividades culturais, desde presentación de libros como ‘Outra idea de Galicia’ de Miguel Anxo Murado no 2011, concertos como os de Narf no 2015 e mesmo traendo regularmente as curtas vencedoras do festival de Cans a Bruxelas.
Hoxe o Couto Mixto fórmano unha vintena de socios e socias que tentan facer da asociación un referente para a comunidade galega. Un ente que aglutine e promova a vitalidade da colectividade galega en Bruxelas, á vez que se reforza o tecido social galego na capital da Unión Europea.
Para o seu funcionamento carece de calquera tipo de axuda institucional en Bélxica e conta como recursos económicos principais as cantidades que xeran as cotas dos seus asociados. Con estes fondos, o Couto Mixto organiza 3 ou 4 eventos diferentes ó ano nos que se reunen galegos bruxelloise e bruxelloise galegos.
Queres formar parte?
